Coñecendo ao equipo: Rafael Cuiña Aparicio, Presidente do Consello de Administración de Inasus SL
Como Presidente do Consello de Administración de Inasus SL, que balance fai da evolución vivida pola empresa durante os últimos anos?
A evolución é moi positiva dende un crecemento sostido e solvente. A pesares do contexto de crise mundial, a guerra de Ucraína e a pandemia do COVID, a empresa está nun dos seus mellores momentos dende que naceu.
Que espera o Consello de Administración e vostede en particular do Inasus da próxima década?
A próxima década ten que ser a da consolidación internacional, abríndose ás oportunidades de novos mercados emerxentes, pero sempre tendo de base as nosas orixes das que estamos tan orgullosas e orgullosos, que son Lalín. Tamén é clave que sigamos sendo unha empresa familiar, e que a nova xeración que vai collendo as rendas, continúe polo vieiro que comezou meu pai, e liderou tantos anos Eladio Cuiña.
O proceso de internacionalización vivido por Inasus levounos a converternos nunha empresa de recoñecido prestixio internacional, que é o que lle fai sentir máis orgullo como Presidente?
O que máis orgullo me fai sentir é o capital humano da empresa. Traballadores e traballadoras na súa maior parte lalinenses, e estar sempre na vangarda, preparados para que os arquitectos e empresas máis prestixiosas do mundo nos teñan en conta nos seus proxectos. Para unha empresa que comezou practicamente nun palleiro, da vertixe mirar cara atrás con todo o traballado e conseguido por empregados e dirixentes.
Se tivera que escoller un proxecto de todos os executados durante os máis de 50 anos de historia da empresa, cal diría que é o máis especial?
É unha resposta complicada. Inasus é o que é a día de hoxe grazas a proxectos como a cidade financeira do Santander, a T-4 de Barajas, Charles de Gaulle, Heathrow ou no seu momento a torre Repsol, pero tamén o é grazas aos proxectos máis sinxelos dos comezos, sen os cales sería imposible chegar a onde estamos modestamente hoxe.
Que mensaxe lle gustaría transmitir dende a súa posición a todos os membros do equipo que cada día contribúen ao crecemento e consolidación do proxecto de Inasus?
A mensaxe é clara e faise dende o agradecemento ao esforzo de todos e todas os que durante máis de 50 anos contribuíron co seu esforzo a facer unha empresa mellor. Son fundamentais para o presente, e tamén para o futuro, engadido ao compromiso da familia Cuiña de ter sempre o noso centro de operacións en Lalín, e dende aquí para o mundo, con modestia pero tamén coa necesaria ambición.